MUNDOS COMPARTIDOS  

FILOSOFÍA   

XOGAR A PENSAR CON Arte, Contos y Xogos

Toño Núñez  y nenas e nenos de 3º de E. Infantil del CPI Tino Grandío de Guntín, Lugo (xaneiro, febreiro, marzo do 2.003)  
tonunez@edu.xunta.es

 

XOGAR A PENSAR CON ARTE   

ANALIZAMOS CADROS 

CONTEXTUALIZACIÓN DA ACTIVIDADE: Esta actividade realizouse con nove nenos e nenas de 5 anos na clase de educación infantil do CPI Tino Grandío de Guntín. Nenos e nenas da zona rural pero cun nivel de coñecemento do mundo que os rodea bastante aceptable. En conxunto, un grupiño participativo, eu diría máis aínda: entusiasta  

DESCRICIÓN DA ACTIVIDADE: Situados os nenos en corro arredor dunha mesa, presenteilles pezas tipo puzle invertidas e numeradas sen dicirlles nada sobre o contido das mesmas. As pezas correspondíanse con dous cadros: Tríptico Mariñeiro de CARLOS SOBRINO e La Habitación de VAN GOGH (catro pezas por cadro). Tamén incluín unha “peza trampa” que non pertencía a ningún destes cadros.

A continuación sorteamos as pezas. Cada nena/o levou a súa para un lugar diferente e pedinlles que as observasen ben, fixándose en todo o que había na súa peza e que pensasen no que podía faltar. Despois funlles preguntando, un por un, sobre o contido de cada unha das pezas. Este momento resultou sinxelo e responderon todos con bastante precisión. Ora que, fíxose algo pesado ó final.

Posteriormente deixan as pezas  outra vez encima da mesa e móvense libremente ó son dunha música pola clase. Cando remata a música cada quen ten que volver á mesa e identificar a súa peza (mentres se movían pola clase remexínllelas eu todas). Conseguírono sen ningunha dificultade.

Agora quedámonos todos arredor da mesa e miramos todas as pezas con moita atención. Iniciamos un diálogo:  

PREGUNTA (P): ¿De que serán estas pezas?

RESPOSTA (R): Dun puzle (Practicamente todos)

P: ¿Serán todas do mesmo puzle?

R: Si, si, si…   Unha non (Andrea)

P:¿Cal non?

R: A da árbore (Andrea)     Esta tampouco (Sonia)  (Erro)

P: ¿Poderiamos clasificalas?

R: Si,si,si…

P:¿Como?

Máis que clasificalas, póñense todos a colocalas (outra maneira de facelo)  e comproban  que se corresponden con dous puzles e que sobra unha peza, efectivamente, a da árbore.

P:¿En que se diferencian unhas pezas doutras?

R: Aquí hai estas cores (Sofía) / Porque aquí non hai xente e aquí si que a hai (Sonia) / Aquí vive xente (Van Gogh) e aquí traballa (Tomás)

P: ¿É de día ou de noite? (Pregunta referida ó cadro de Van Gogh)

R: De día (uns) / de noite (outros)

P: ¿Por que pensades que é de día?

R: Porque saen unhas raiolas de sol (David) / Non, iso non é , iso que brilla son as luces da rúa para que non choquen os coches (Belén) . Conclúen que é de día influenciados polo peso que as opinións de Belén teñen no grupo.

P: E neste cadro (Tríptico mariñeiro) ¿É de día ou de noite?

R: De día (todos)

P: ¿Por que vos parece que é de día?

R: Porque de noite non podían pescar (Belén) / Porque polo ceo hai día (Diego) / Porque está o ceo claro (Sonia)

 

COMENTARIOS SOBRE A LÁMINA DE CARLOS SOBRINO:  

P: ¿Que cousas se ven nesta lámina?

R: Fan unha descrición bastante detallada de todos os elementos que aparecen.

P ¿Qué cousas hai cerca/lonxe?

R: Responden correctamente respecto das cousas máis significativas.

P: ¿Qué cousas se ven máis grandes, as que están cerca ou as que están lonxe?

R: As que están cerca (todos)

P: ¿Por que?

R: Porque están máis cerca (Belén). Interveño eu e comentamos un pouco máis a fondo o tema.

P: ¿Que cousas vemos ó lado dereito? … ¿E ó lado esquerdo?

R: Contestan valéndose das referencias que temos na clase e acertan case todos.

P: ¿Que será isto verde? (Tubo)

R: A cheminea do barco (David)

P: ¿Por que o sabemos?

R: Porque bota fume (David)

P: ¿Onde estará esta xente?

R: No mar / Na terra (División de opinións). Interveño eu para axudarlles:

P: ¿Como se chama o sitio onde chegan os barcos para descargar o peixe que pescaron?

R: O porto (Tomás)

P:  E, unha cousa ¿que vos parece, fará frío ou calor?

R: A min non me parece que hai sol (Andrea) / Hai nubes (Rubén) / Fai frío porque non teñen manga curta, será o inverno (Sonia).

P: ¿Que será isto que vemos aquí? (Indícolles o mástil do barco)

R: O pao das velas

P: Logo ¿qué tipo de barco será?

R: Un barco de vela (Tomás) (Falamos hai poucos días deste tema)

 

COMENTARIOS SOBRE A LÁMINA DE VAN GOGH:  

P: ¿Que vemos?

R: Descrición detallada sen dificultades.

P: Atendede, ¿de onde estarán sacados estes puzles…, dunha foto, dun debuxo, dun cadro…?

R: Dunha foto/ dun cadro (División de opinións, pouca seguridade). Interveño e aclárollelo.

P: ¿Quen fai os cadros?                  

 R: Os pintores (Tomás).

P: ¿Para que sirven os cadros?       

 R: Para adornar (Andrea)

P: ¿Para que máis?

R: … (silencio) Interveño e fálolles de cómo podemos disfrutar contemplando cadros.

P: ¿Cantas clases de pintores hai? 

  R: Dúas (Belén)

P: ¿Cales son?

R: Uns pintores pintan as casas e outros pintores pintan os cadros (Belén)

P: ¿Onde estaría colocado o pintor cando pintou este cadro?

R: Na casa (Sonia)

P: ¿Dentro ou fóra?

R: Non se ve naide (Sonia) Aquí volvin a intervir e pedinlles que se fixasen no tamaño do cabeceiro da cama, funlles dando pistas ata que eles puideron ver claro que o pintor estaría na porta, frente á cama.

P: Imos imaxinar: ¿Que pasaría se houbese un incendio?

R: Que ardía todo (Belén) / Que estoupaba a casa (Álvaro)

P: ¿Por que?

R: Porque o lume queima todo (David) /As paredes non arden (Tomás)

 

 

HABILIDADES DE PENSAMENTO QUE SE PODERÍAN TRABALLAR:  

*Observación (atención, memoria)

*Anticipar consecuencias

*Imaxinar

*Formular conceptos precisos.

*Comparar  e contrastar.

*Definir.

*Buscar e dar razóns.

*Razonar hipoteticamente.

*Relacionar causa efecto.

*Relacionar partes e todo.

*Expicar, describir.

 

AVALIACIÓN: A actividade resultoulles interesante de principio pero, debido quizais a que intentei facelo todo no mesmo día, no turno das preguntas chegou o momento en que se empezaron a cansar e acabou saíndolles pesada. Tamén puido influir nesto o feito de ter que pararme para anotar (fíxeno anotando eu mesmo as respostas) as súas intervencións. Cheguei á conclusión de que me houbese sido mellor plantexala en dúas sesións.  

 

SOMOS PINTORES 

CONTEXTUALIZACIÓN DA ACTIVIDADE: A actividade desenvolveuse con  9 nenas e nenos de 5 anos do mesmo colexio, o CPI Tino Grandío de Guntín. Estes alumnos e alumnas conforman un grupiño bastante homoxéneo, non hai ningún caso de necesidades educativas específicas e o nivel de adquisición dos obxectivos da E. Infantil é –penso eu- bo.  

PLANTEXAMENTO DA ACTIVIDADE: “Hoxe tróuxenvos uns cadros de pintores moi famosos. O que pasa é que estes cadros están incompletos así que teredes que fixarvos ben en todo o que vedes neles para poder completar vós o que lles falta. Cando rematedes os debuxos podedes empregar todas as cores que queirades para pintalos”.  

A continuación repartinlles copias “mutiladas” das láminas escollidas. Decidín traballar con tres modelos diferentes para evitar así a tendencia, tan común nos nenos, a copiarse; desta maneira ningún neno/a dos que estaban próximos tiñan o mesmo modelo. Antes de empezar a debuxar eles fíxenlles preguntas sobre o que podían ver en cada un dos cadros “mutilados” que lles pasei. A continuación completaron os cadros. Despois deixeilles ver as láminas enteiras para que as compararan coas súas produccións e iniciamos un novo turno de preguntas. Por último, montamos unha exposición e fomos comentando un por un cada debuxo.

 

COMENTARIOS SOBRE La gallinita ciega de GOYA: (Antes de ensinarlles a lámina orixinal)  

P: ¿Que vemos nesta lámina? 

R: Señoras e señores (David)  

P: ¿Qué haberá no trozo que falta?  

R: Os outros cachos (Diego) / Os corpos que lles faltan (Sonia)

P: ¿Cantas persoas se ven?

R: Álvaro, Belén, Sofía, Rubén, David e Diego din que 6; Sonia, 5; Tomás, 8; Andrea, 7.

P: ¿Hai animais?

R: Non.

P: ¿Que estarán facendo estas persoas?

R: Bailando/ Xogando. División de opinións.

 

Despois de remataren os debuxos ensineilles a lámina orixinal e seguimos comentando:  

P:¿Que están facendo de verdade?

R: Bailando/ xogando. Seguen mantendo as opinións, deilles as dúas por válidas.

P: ¿Como van vestidos?

R: Ben

P: Pero ¿con roupa moderna ou antigua?

R: Moderna (Tomás) / Antigua (Sonia) División de opinións. Interveño e aclarámolo. Os que pensaban que era moderna, os máis, era porque ían moi ben vestidos.

P: ¿Serán ricos ou pobres?

R: Ricos (Belén)

P: ¿Por que?

R: Se fosen pobres levaban a roupa rachada (Belén)

P: ¿Onde estarán, na cidade ou no campo?

R: No campo porque non hai coches (Sonia)

P: ¿Que tal día facía?

R: Bon (Álvaro)

P: ¿Por que?

R: Porque hai sol.

P¿Que hai ó lado dereito?

R: Unha árbore (David)

P: ¿Que se vei lonxe?

R: … Silencio… Montañas (Sonia)

P: ¿Onde están as persoas?

R: Primeiras (Andrea)

P: Se están xogando, fixádevos ben, ¿a que  xogarán?

R: Ó corro

P: Si, pero…, mirade para a cara do que está no medio…

R: Leva os ollos tapados (Belén)

P: Logo, ¿a que xogarán?

R: Á pita cega. (Diego)

P: ¿Queredes que xoguemos nós tamén á pita cega?

R: Si, si, si…

P: ¿Que necesitamos?

R: Un trapo para tapar os ollos…

Pola tarde sairemos ó patio a xogar á pita cega. … Fixémolo, resultoulles moi divertido, sobre todo cando fixen eu de galo cego e teatralicei a cousa.

 

COMENTARIOS SOBRE A LÁMINA “MUTILADA” DE PESCADORES (NATALIA S. GONCHAROVA):  

P: ¿Que vemos neste cadro?

R: Xente (Tomás)

P: ¿Que faltará neste cadro?

R: Os cachos que lles faltan (Sonia).

P: ¿Que máis pode faltar?

R. …Silencio…

 

Despois de debuxar e de ver a lámina enteira:

 P¿Qué vemos agora?

R: Señores (Andrea) / Mariñeiros (Tomás).

P: ¿Qué están facendo?

R: Tirando as troitas das redes (Diego)

P: ¿Onde están os pescadores, diante ou detrás?

R: Diante / Detrás

P: ¿Por que volo parece?

R: Porque se ven ben (Sonia)

P: E logo ¿detrás que hai?

R: Unha árbore (Rubén) / Máis mariñeiros (Tomás)

P: ¿Cantas persoas se ven?

R: David, 4 / Andrea, 7. División de opinións. Logo Andrea explica, antes de que eu volva a preguntar,  que se ven 7 porque tamén hai 3 detrás.

P: ¿Vense animais?

R: … (Silencio) … Si, peixes (Rubén).

P: ¿Con que os pillarían?

R: Coas redes (Tomás)

 

 

COMENTARIOS SOBRE A LÁMINA DE LUÍS SEOANE ( antes de debuxar):  

P: ¿Que vedes neste cadro?

R: Dúas cabezas (Rubén)

P: ¿Que lles falta?

R: O corpo.

P: ¿Onde estarán, que estarán facendo?

R: Silencio…

 

Despois de completar os debuxos e de ver a a lámina enteira:  

P: ¿Que vedes agora?

R: Unhas señoras disfrazadas de bruxas (Sonia)

P: ¿Que estarán facendo?

R: Tocando o tambor (Tomás)

P: ¿Que leva a da dereita nas mans?

R: Unha flor (Andrea).

P: ¿E a da esquerda?

R: Un fouciño (Tomás) / Unha trompeta (Sonia) / Non, unha guitarra (Belén)

P: ¿Onde estarán?

R: No carnaval (Tomás)

P: ¿Que será iso que se vei no centro?

R: Un tambor (Tomás)

P: ¿Por que cho parece?

R: Porque é redondo.

P: Estas persoas ¿parécenvos reais ou imaxinarias?

R: Imaxinarias (Belén)

P:¿Por que?

R: Eses traxes de carnaval non se visten.

P.¿Por que as pintaria así Luís Seoane?

R: Non sei (Diego) / Porque lle gustaría (Sonia)

P: ¿Cal dos tres cadros vos gusta máis?

R: O da pita cega (7), O dos mariñeiros (Diego). Tanto me dá (Andrea)

P: ¿Por qué vos gusta tanto o da Pita cega?

R: Porque nos gusta ese xogo (David)

 

HABILIDADES DE PENSAMENTO QUE SE TRABALLARÍAN CON ESTA ACTIVIDADE:  

*Adiviñar

*Formular hipóteses

*Observar

*Imaxinar: idear, inventar, crear.

*Formular conceptos precisos

*Comparar e contrastar

*Buscar e dar razóns

*Relacionar partes e todo

*Interpretar

*Traducir da linguaxe oral á plástica

 

AVALIACIÓN: A actividade resultou rica e de interese no turno das primeiras preguntas e no momento de completar os cadros . No segundo turno de preguntas logo deron en cansar e, aínda que lles fun sacando bastantes cousas, tiven que forzalos moito para conseguilo. Volvín a comprobar que era moito traballo para facelo todo seguido. O que sucede é que estes traballos sobre arte fíxenos para levalos ó curso cando se nolo demandou e tiven que sacalos adiante moi ás présas. Pero entendo que a idea pode ser válida desenvolvéndoa con máis tempo.

 

XOGAR A PENSAR CON CONTOS

Toño Núñez  y nenas e nenos de 3º de E. Infantil del CPI Tino Grandío de Guntín, Lugo (xaneiro, febreiro, marzo do 2.003)  
tonunez@edu.xunta.es

   

CONTO: O paxariño e os seus amigos

 

CONTEXTUALIZACIÓN DA ACTIVIDADE: Seguimos traballando co mesmo grupo de nenos e nenas, a única novidade é que agora eran dez porque xa viñera Jésica, que estaba enferma.  

PLANTEXAMENTO: Aproveitando a proposta que aparecía nunha ficha do material co que traballamos  habitualmente –Flopi, EVEREST- fixemos este conto. Nesta ficha aparecían tres personaxes –manoplas, estrela, paxaro- que, certamente, resultaban pouco fáciles de relacionar para montar un conto, que era o que se lles pedía. Como quen non quere a cousa, un pouco a ver que pasa, empezamos así:  

P: ¿Que personaxes vemos nesta ficha?

R: Contestan sen dificultade.

P: ¿Queredes que inventemos un conto con estes personaxes?

R: Si, si, si…

Moi ben, entón, imos recordar todo o que sabemos sobre os contos:

P: ¿Quen fai os contos?

R: Os autores (Belén)

P: ¿Todos os contos teñen autor ou autora coñecidos?

R: Non (Belén) (Teño que aclarar que desto temos falado en distintas ocasións).

P: Pero, lembrade, os autores escriben o que din os contos pero ¿que teñen tamén case todos os contos de nenos?

R: Debuxos (Jésica)

P: Moi ben, pero cando o texto e máis as ilustracións xa están feitas ¿quen se encarga de facer, editar, publicar os exemplares dese conto para que nós os poidamos ler?

R: (Aquí non entendían ben a pregunta e non souberon respostar, aínda que xa tiñamos falado noutras ocasións desto, tiven que darlles máis pistas para que o lembrasen , ou para que entenderan o que lles preguntaba porque nós, sempre que facemos algún conto ou traballo en forma de libro poñémoslle o nome da editorial que os fai, antes era a Editorial Primavera, agora temos outra: Editorial Menosmal).

Xa vexo que sabedes moito sobre os contos. Pois, a ver, xa que sabedes tanto imos inventar agora nós un conto con estes personaxes, vós seredes os autores e, tamén, os ilustradores porque despois de inventalo teredes que facer as ilustracións dese conto. Empezamos:

Como xa sabedes tamén doutras veces que o falamos case todos os contos teñen…

R: Título (David)

P: ¿Para que serve o título?

R: Para saber de que vai ese conto (Sonia)

Iso é, moi ben. E para o noso conto ¿qué preferides, que inventemos primeiro o título ou que inventemos primeiro o conto e despois lle busquemos un título?

R: Inventamos primeiro o título (Sonia)

P: Logo, a ver ¿cómo se podía titular este conto?

R: A estrela e as manoplas (Rubén) / A estrela e os seus irmáns (Tomás) / O paxariño e a nube (Diego) / O paxariño e os seus amigosa (David) / Os amigos (Sonia).  Escribímolos todos no encerado. Como tiñamos tantos houbo que elexir un, finalmente decidiron que o mellor era O paxariño e os seus amigos.

Moi ben, xa temos título, borramos os que non nos valen e quedámonos co que elexistes. Pero, máis cousas, agora imos lembrar as partes máis importantes que aparecen en case todos os contos e de paso xa o imos inventando. A ver ¿lembrades cales son as partes máis importantes da maioría dos contos?

R. Silencio. Desto xa tiñamos falado máis veces pero non caían. Entón interviñen e faleilles un pouco dos momentos máis significativos de case todos os contos, alomenos dos tradicionais: presentación dos personaxes, aparición dun conflicto ou problema e solución do mesmo.

P: ¿Como empezaremos logo o noso conto?

R: Presentamos os personaxes (Belén)

P: Imos aló ¿cómo empezan case sempre os contos, cal é a primeira frase?

R: Silencio. Non caían tampouco. Pistas: Si oh, esa frase que dicimos case sempre ó empezar…   Unha vez… (Belén) / Un día… (Andrea) / Había unha vez… (Belén)

P: Iso é, veña, vós dicídeme e eu vou escribindo no encerado: Había unha vez…

R: Había unha vez un paxariño que tiña amigos (Belén)

P: ¿Nada máis, non tiñan nome, non sabiamos quen eran os seus a migos?

R: … e os amigos chamábanse Estrela e Manoplas (Andrea)

P: Moi ben, xa sabemos quen son os personaxes deste conto, agora ¿que podía pasar?

R: Que pasa algo (Sonia)

P: Pero ¿qué pasa logo?

R: Que veu un lobo e comeu ó paxaro (David)

P: Vale, xa temos a presentación e o problema… pero ¿cal era o problema logo?

R: Que o lobo comera ó paxaro (David).

P:  Perfecto. E ¿que pasou despois?

R: Que o lobo comera ó paxariño e foise deitar á herba (Sonia)

P: Moi ben pero, agora temos que ver de que maneira se soluciona o problema ¿que farían os personaxes para solucionalo?

R: Que a estrela fora chamar á nube para que lle chovera ó lobo (Diego)

P: Moi ben, moi ben, estavos saíndo un conto moi chachi pero, unha cousa, e ¿as manoplas non facían nada?

R: Vixiaban ó lobo mentres a estrela ía chamar á nube (Jésica)

P: Paréceme moi ben e ¿que máis?

R: Veu a nube e choveulle moito ó lobo e acatarrouse moito (Tomás)

P: ¿E despois?

R: Que esbirrou e botou ó paxariño fóra (Andrea)

P: Encántame este conto e, despois…

R: Que volveran para a casa (Sonia)

P: ¿Estarían contentos? ¿Como acaba o conto, ben ou mal?

R: Si, estaban moi contentos (Tomás)

P: E ¿que fixeron se estaban tan contentos?

R: Celebraron unha festa (Rubén)

P: ¿Por que?

R: Porque  non volveron a ver ó lobo por alí (Sonia)

P: ¿Algo máis?

R: Silencio…

P: ¿Como acaban case sempre os contos?

R: E colorín colorado este conto xa está rematado (David)

Vaia conto máis chulo. Agora temos que escribilo nun folio para lembrarnos mañá de todo porque hoxe xa non traballamos máis. Mañá temos que facer as ilustracións.

 

OBSERVACIÓNS: Ás veces saían outras propostas pero case sempre eran variacións da que primeiro dicían, non as recollín todas por non alongar tanto a cousa. Como podemos comprobar, aprópianse de plantexamentos e de solucións que aparecen en contos que xa coñecen (Carapuchiña, A cabra e os sete cabritiños, O galo Quirico…). Paréceme importante porque, en realidade, ninguén crea a partires da nada e eles para chegar a isto están botando man de coñecementos adquiridos (memoria), relacionándoos e transformándoos (¿capacidade de abstracción…?)

 

DIFICULTADES: Todo o proceso resultou, segundo a miña opinión, moi interesante. Como aspecto menos positivo mencionarei a case nula participación de Álvaro e Sofía, a pesares do meu esforzo para que aportasen algo. Son dous alumnos normais pero cunha pronunciación algo retrasada para a súa idade e isto fai que se inhiban, penso.

 

Segunda sesión:  

Hoxe tedes que escribir  o conto e facer as ilustracións. Cada un/unha de vós escribirá escribirá unha frase e, despois, terá que debuxar as imaxes desa frase, é dicir, fará as ilustracións. Axudanta, reparte folios que imos empezar:

P: A ver, Álvaro ¿ti que frase e que debuxo queres facer?

R: Cando a nube lle chovía ó lobo.

P: Sonia ¿e ti?

R: Cando o lobo comera ó paxariño e se fora deitar á herba.

P: ¿Tomás?

R: Cando o lobo esbirrou e botou ó paxariño fóra.

P: ¿Belén?

R: Belén dubidaba, non se decidía, entón pedinlle eu que fixese a primeira páxina, onde aparecen o título e os personaxes, aceptou encantada.

P: Andrea ¿ti cal elixes?

R: Tampouco decidía, entón propúxenlle eu que fixese a páxina da presentación.

P: Sofía ¿que frase elixes para ilustrar?

R: Cando volvían para a casa.

P: Moi ben ¿e ti Rubén?

R: Eu fago a festa.

P: ¿David?

R: Cando o lobo ía comer ó paxariño.

P: ¿Diego?

R: (Elexiu facer a nube chovendo pero, como xa a escollera Álvaro, quedouse en branco, entón lembreille eu os momentos máis significativos que faltaban por elexir). Cando as manoplas estaban vixiando ó lobo.

P: ¿E ti Jésica?

R: Cando a estrela foi chamar á nube.

Este día escribiron as frases e debuxaron as imaxes. Deixámolo aquí.

 

Terceira sesión:  

Quedouvos un conto ben fermoso, encántame. Hoxe imos facer outra cousa, imos dramatizalo. ¿Cantos personaxes hai no voso conto? (Lembrámolos). Como vós sodes dez e só hai cinco personaxes primeiro actuarán cinco e os outros cinco serán o público, despois cambiamos. Eu teño aquí cinco tarxetas cos nomes dos personaxes, saíde os cinco primeiros da lista que imos sortealas. Despois actuaron os outros cinco da mesma maneira, sorteando os personaxes.  

Pois agora que xa sabemos todos moi ben o que pasou no conto imos facer outra actividade (SECUENCIACIÓN). Cada neno e cada nena collerá a súa páxina e, mentres eu vou lendo despaciño o conto, movédesvos libremente pola clase. Cando remate de ler teredes que colocarvos por orde nos aros de tal xeito que o que fixo a primeira páxina terá que colocarse de primeiro ou primeira, despois o que fixo a segunda e así ata que nos coloquemos todos na mesma orde en que sucederon as cousas do voso conto.

 

COMENTARIO: A primeira vez houbo tres fallos, xusto nas páxinas de máis dificultades, no segundo intento só se intercambiaron incorrectamente as posicións dous nenos que ían seguidos pero en distinta orde; á terceira saíu ben de todo. Para complicárllelo máis –son moi liante- pedinlles que mentres se movían pola clase, a un sinal meu, intercambiasen con algún compañeiro ou compañeira as páxinas para despois, cas páxinas cambiadas, volver a ordenarse. Agora armouse o gran lío. Por un lado que hai dúas/tres  páxinas que case se poden intercambiar sen que cambie moito o resultado final –pxs. 4, 5, 6-, por outro que empezaban a perder xa a concentración e algún despistábase e cometía erros moi gordos. Intentámolo varias veces e non saíu nunca ben de todo. Tivemos que deixalo.

 

 

Cuarta sesión:

 

Hoxe ten que saír perfecto, hoxe non estades cansos así que atendede ben e fixádevos, non vaia ser que o lobo bote ó paxariño fóra antes de que o coma. ¿Tentámolo?

-Si, si, si…

Imos aló, collede cada un a súa páxina que o imos facer primeiro unha vez así, ten que saír á primeira, despois intercambiámolas.

Cada un coa súa saíu. Ó intercambialas aínda nos custou outros tres intentos para que quedasen as dez páxinas na súa orde correcta. Pero, postos a lialo, aínda llelo compliquei máis: pedinlles, colocados na secuencia correcta, que cada un/unha me dixese que psasaba antes da que tiñan eles e despois. Isto a algunhos/as custoulles máis e non mo deron dito ben de todo sen algo de axuda pero a maioría contestaron correctamente.

 

Quinta sesión:

 

Tróuxenvos unha ficha para que busquedes os personaxes do voso conto. Ollo, fixádevos ben que pode haber trampas. Cada neno/a vai ler o que pon nunha etiqueta e terá que dicirnos se é un personaxe do conto O paxariño e os seus amigos ou non.

Fixemos a ficha de lectoescritura que se adxunta.

 

Agora, para rematar, imos falar un chisquiño máis do voso conto. Eu vouvos facer unhas preguntas e vós ides contestándoas. A ver:

 

P: ¿Onde estarían os personaxes do voso conto, no campo ou na cidade?

R: Nun bosque (Sonia)

P: ¿Por que o sabemos?

R: Porque no bosque hai lobos (Sonia) / E tamén porque hai nubes alí (David) / Ademais os paxariños non voan polas casas, voan polo bosque (Belén) (Penso que lle dá á palabra “casas” o valor de cidade).

P: ¿Sería de noite ou de día?

R: De día (Sonia) / De noite (Belén)

P: A ver, aclarádevos,  ¿por que vos parece a unha de noite e á outra de día? Explicádemo:

R: Porque había sol (Sonia) / Porque os lobos non andan polo día (Belén) (Ámbalas dúas respostas son coherentes pero non van cara a onde eu pretendía, cara a relacionar o personaxe da estrela coa noite. Recurrín ás pistas)

P: ¿Cando hai estrelas no ceo?

R: Pola noite (Tomás).

P: Logo ¿sería de día ou de noite?

R: De noite (Todos)

P: ¿En que estación do ano estarían?

R: Na primavera…, porque é cando hai paxariños (Sonia)

P: Se vos fixades ben hai un personaxe que vos pode dar unha pista.

R: As manoplas porque no inverno fai frío (Belén)

Pois… Colorín, coloradas, as actividades deste conto xa están rematadas.

 

POSIBLES ACTIVIDADES DE PENSAMENTO QUE SE TRABALLARÍAN NO DESENVOLVEMENTO DE TODAS ESTAS ACTIVIDADES:  

* Seleccionar posibilidades

* Imaxinar: idear, inventar, crear.

* Formular conceptos precisos.

* Secuenciar.

* Buscar e dar razóns.

* Relacionar causa-efecto

* Relacionar partes e todo.

* Explicar, narrar, describir.

* Interpretar.

* Traducir a linguaxe oral á plástica.

* Activar coñecementos adquiridos, relacionalos e usalos en situacións novas.

* Etc.

 

AVALIACIÓN: O conxunto de actividades que realizamos en torno a este conto parecéronme moi ricas e constituíron un enfoque verdadeiramente global de aprendizaxe pois abordamos con elas moitos aspectos do currículo de infantil. Aínda que o peso das intervencións o levaron maioritariamente os mesmos alumnos, como pasa sempre, todos tiveron os seus momentos de participación e a posibilidade de compartir e de enriquecerse cos coñecementos do grupo. Neste caso non andivemos condicionados polo tempo e repartimos o traballo en varias  sesións, cando vía que a cousa empezaba a resultar pesada cambiabamos de actividade e retomabámola ó día seguinte.  

 

 

XOGAR A PENSAR CON XOGOS

Toño Núñez  y nenas e nenos de 3º de E. Infantil del CPI Tino Grandío de Guntín, Lugo (xaneiro, febreiro, marzo do 2.003)  
tonunez@edu.xunta.es
   

XOGO: Cada año co seu rabaño

 

CONTEXTUALIZACIÓN: A mesma.  

PLANTEXAMENTO: Hoxe imos xogar con estas cartas que teño aquí. Hai dez cartas, unha para cada un/unha de vós. Explícovos: cada neno ou nena elixirá unha carta destas sen vela e, despois, moverédesvos pola clase ó son da música. Mentres vos movedes ides mirando para a vosa carta. Cando deixe de soar a música teredes que mirar todos as cartas de todos e xuntarvos “cada año co seu rabaño”. Como vedes, no chan hai marcadas con tiza tres, chamémoslles casas, para que, cando xa estedes todos os do mesmo rabaño xuntos, vos metades nunha delas. Sonia interrumpe: ¿O que non se meta na súa casa cómeo o lobo?. Pode ser, igual aparece por aí un lobo e come ós años que non estén nas súas casas. A pregunta vén de outras veces en que temos feito cousas parecidas, aínda que con outros elementos. Como se pode comprobar na fotocopia que se inclúe neste traballo, as cartas contiñan “familias”: persoas, animais e plantas, tres de cada familia. Pero había unha, a carta-trampa, da que eu non lles falei para nada, que contiña unha persoa-animal-planta. Aquí estaba o mellor do xogo, en ver como reaccionaba o neno ou a nena á que lle tocase esta carta que, despois de repartidas, acabou nas mans de Jésica.

 

DESENVOLVEMENTO: Colleron a actividade con moito entusiasmo. En canto cesou a música armouse un rebumbio do demo. De primeiras aquelo parecía que ía ser un caos. Mais, de repente, empezaron a colocarse e, nun momentín de nada, organizáronse perfectamente. Jésica meteuse co rabaño dos animais. Todo perfecto.

 

Moi ben, moi ben, o lobo pode ir buscar años a outro lado que aquí están todos nas súas casas. Pero agora imos ver, tedes que me contestar a unhas preguntiñas. Entón fun preguntando grupo por grupo:  

P: ¿Por que vos metestes vós  aquí?

R: Porque están todos negros (Sonia) / Porque están só homes (Rubén). O mesmo (Andrea)

Paréceme ben. Agora vós:

P: ¿Por que vos metestes vós nesta casa?

R: Porque temos froitas (David) / Porque todos temos flores (Tomás) / Porque temos todos as mesmas cousas (Diego)

P: (Ós dos outros rabaños) ¿Están dicíndoo ben?

R: Porque teñen todos árbores (Belén)

P: Mirade ben ¿teñen todos árbores?

R: Porque son todos plantas (Andrea)

Iso gústame máis. Agora vou con vós.

P: Vaia, neste rabaño hai un año máis, ganastes. Pero… ¿por qué vos xuntastes vós aquí?

R: Porque somos todos animais (Sofía). Álvaro, Belén e Jésica estiveron de acordo. / Non, non ganaron porque Jésica ten un neno (Diego). / Non, que aquí hai un elefante…(Jésica)

P: Logo ¿onde terás que estar?

R: Aquí (Jésica) / Non, diso nada (Diego) / O neno tamén é un animal (Sonia) / Non porque Jésica ten unha árbore de froita (Rubén).

Aquí armouse o gran lío, cada un pelexábase por dar a súa opinión . Para calmar a cousa díxenlle a Jésica que fose para onde lle mandase o neno ou a nena que opinaba e fíxenlles opinar de un en un. Pero aquelo non resultaba porque, se ía para un rabaño protestaban os dos outros e, ó revés. O conflicto era serio. Ata que de pronto Andrea dixo algo:

-Eu vexo unha trampa: Jésica ten tamén un neno e non é un animal e os outros son animais.

Isto encendeulle unha luz a Belén:

-Si que é de aquí porque ten un elefante…

Pero, ó momento, volveu a falar:

-A foto de Jésica é unha trampa porque ten de todas as cartas..

Entón todos e todas:

-Si, si, é unha trampa, trampa, trampa, trampa…

E resolveuse moi positivamente o conflicto.

 

COMENTARIO: Teño que dicir que xogos deste tipo facémolos con frecuencia pero, quizais, sen coidar tanto o proceso e sen “provocar” tanto a necesidade de pensar para resolver os conflictos. Ë certo que a estratexia das trampas emprégoa con insistencia e en contextos moi diferentes, entón, xa están un pouco á defensiva cando aparece algún problema.  

HABILIDADES DE PENSAMENTO QUE ACTIVAMOS CON ESTA ACTIVIDADE:  

* Averiguar.

* Observar

* Formular conceptos precisos

* Comparar e contrastar

* Agrupar e clasificar

* Buscar e dar razóns

* Establecer criterios

* Explicar

* Interpretar               

 

AVALIACIÓN: Realizaron a actividade con moi boa predisposición e, como foi máis breve cas outras, mantiveron en todo momento esta actitude. Moi divertida, polo tanto, e, tamén, penso que de un grande interese educativo.

 

CONCLUSIÓN: Se apostamos por unha aprendizaxe activa, entre outras características, e se entendemos que o concepto de actividade non significa tan só actividade física senón que ha de incluir a actividade mental, non poderemos negar as grandísimas posibilidades que as obras de arte, os contos e os xogos nos ofrecen para estimular a capacidade de pensar, aínda que non as esgoten, é evidente. En teoría eu xa o sabía pero este curso serviume para analizar, replantexar e asumir este enfoque pedagóxico; en definitiva, para facelo máis meu.

 

 Lugo: marzo  do 2.003

  * Artículo teórico relacionado al relato de experiencia      

* Libro